Retrato do actor Machi Salgado para “O espírito de Vania”.
Sempre hai de onde tirar cando se compara a literatura da torturada alma eslava coa literatura da oprimida alma galaica. Será o clima, será o xeito de ollar a vida, será a necesidade de lle atopar un espíritu de resilencia infinita comparable tamén a outros lugares de fortes choivas e invernos, para que negalo, non tan áridos como os da estepa. Será cousa das gafas, que miramos ben cara o existencialismo e a nostalxia desde as feridas fondas, familiares, de tempo atrás e difícil resolución inmediata.
O caso é que traer a Vania ao lugar habitado é sempre un risco, un pouco como facer unha nova película de Superman. Tanto un coma o outro, Vania e Kal-el, son criaturas que xa forman parte do imaxinario colectivo, polo tanto cadaquén ten unha identidade forxada desde a creación da ficción (o comprometido traballador da facenda familiar para o pariente culto versus o inmigrante alieníxena que responde ao soño americano). Ambas criaturas amplamente coñecidas, polo que darlles unha noval volta sempre é un risco e ese risco, nesta hora, fica asumido por Machi Salgado na Galiza e James Gunn para o mundo.
E quizais este Vania galego teña os músculos fortes do corpo e do pensamento para levar ao teatro esa revolucionaria encomenda: que toda pequena acción pode rebentar un estado de equilibrio.
Por que Vania? Por que Superman? A segunda pregunta é bastante doada de responder, porque Superman, non importa cantas veces o fagamos, sempre dá pasta. Haberá mellores ou peores versións do Home de Aceiro pero sempre existirá un nutrido grupo da poboación que pagará por ir ver ao cinema o que pasa desta vez. Desta volta a aposta ambiciosa de Gunn, con homenaxes a grandísimos ilustradores da saga da gran S, coma Alex Ross, actualiza a personalidade do alien adaptándoa á realidade actual: acaba de intervir para que un megalómano non conquiste o país veciño, o país sen apoios. O espello con Israel e Palestina remata coa caracterización física do líder de Boravia e a relación, explícita e sen dúbida, co gran maganate e tecnófilo estadounidense Lex Luthor. Superman gaña terreo e Kent desaparece e a min lémbrame a ser nai: sempre preocupada das crianzas, sempre a procurar un mundo máis xusto para elas, sempre cun código de comportamento con orixe no legado dos propios pais e nais. Superman é unha criatura empática e quizais iso determine que sexa o heroe que necesitamos nunha sociedade anestesiada polo individualismo.
Ivanushka, pola súa banda, é testemuña do desfacer da súa realidade, da súa loita, daquelo todo que pensou estaba a construír a través do sacrificio persoal e comunitario coa familia, coa sobriña. Vania óllase e óllanos desde o punto medio, equilibrio precario, da súa existencia, ancorado nunha facenda imposta e lembrando os camiños que non tomou. Apreixando o camiño do clown sen deixar o camiño da violencia, principalmente cara un propio, e coa ollada fixa nos valores establecidos para o ben da súa familia, da súa irmá, da súa Sonia. Vanya deslígase do individualismo e anceia a arte xa sen medida, xa sen solución. Acepta, mais revólvese na dúbida. E quizais este Vania galego teña os músculos fortes do corpo e do pensamento para levar ao teatro esa revolucionaria encomenda: que toda pequena acción pode rebentar un estado de equilibrio.
Quizáis sexa a intención de Machi Salgado a de parafrasear a Mark Millar e, en lugar de traer a un Superman Vermello, afonde no Superman galego. Quizais o heroe da identidade propia do país sexa máis un Vania e menos un kriptoniano.
O artigo Supervania publicouse primeiro en Tempos Novos.
