En pruebas. Estamos cocinando nuestro algoritmo

Sirat

O percorrido de Sirât polos cines españois, e agora tamén pola plataforma televisiva Movistar, trouxo consigo unha nova reprodución da polémica, cada vez máis frecuente, entre crítica profesional e espectadores comúns. Seguramente sexa esta unha disputa de alcance temporal moito máis longo, pero o certo é que, antes de internet, a súa máis explícita e case única manifestación era a recadación, a venda de entradas. Un sabía que á xente lle gustaban moito certas películas que os críticos detestaban polo tempo que aquelas pasaban na carteleira, enchendo as salas sesión tras sesión. Pero agora os espectadores tamén usan a rede para emitir os seus veredictos fílmicos. E pódese ler de todo, desde textos case incomprensibles escritos por semianalfabetos ata críticas excelentes, moi ben argumentadas e escritas con vigor, intelixencia e graza. 


No caso de Sirât, a crítica profesional, sen mostrarse unánime, outorgoulle un apoio moi maioritario á película de Oliver Laxe. Porén, a reacción desa entidade que toda a xente chama “a xente” estivo moito máis dividida e expresouse case en termos de todo ou nada. É dicir, ou cinco estrelas ou unha. Nos tempos máis próximos só lembro unhas reaccións de contrastes tan virulentos no caso de Pobres criaturas, a fantástica, libérrima e desprexuizada película de Yorgos Lanthimos. 


Entre a aldraxe e a hipnose 


Pasei un tempo lendo en Google as opinións destes espectadores polarizados en torno a Sirât e chamoume a atención constatar que non son poucos os que se sentiron indignados pola película e case aldraxados polo seu director. Pola parte contraria, outros declaran que, máis que á proxección dunha película, asistiron a un espectáculo abraiante que os deixou absortos e como hipnotizados. 


Entre os que lle pinchan nas cinco estrelas a Sirât, algúns subliñan o impacto visual e sonoro da película, que describen como unha “experiencia sensorial inmersiva”; outros, máis alá da fotografía e da música, séntense “devastados á vez que fascinados” por un filme que lles “removeu todas as conexións cerebrais”, e recoñecen estar aínda “tocados” e dándolle voltas a unha obra “terrible e marabillosa”. E están tamén os que, con maior ou menor perspicacia, avanzan intentos de explicación máis precisos que van desde a valoración da peli como “un manifesto espiritual contra a modernidade” ata como unha suposta denuncia política sobre a situación do Sahara, pasando por lecturas que inciden na “fraxilidade humana”, na “vida e a morte”, na “viaxe iniciática do heroe”, ou nun “mundo sen chan ao que agarrarse”. 



É consolador, con todo, que haxa tantas persoas que se abandonaron a Sirat, que decidiron abeirar prexuízos e convencións. 



O outro bando confórmano os da estrela solitaria. Algúns califican a Laxe de “cruel”, de “subnormal”, de “home baleiro”, e a Sirât de “truño pretencioso”, “estafa”, “unha falta de respecto”, “moi lenta”… Por un estraño principio que -supoño- ten máis que ver co peso de Hollywood na nosa formación cinematográfica que coa idea grega do obsceno, hai espectadores aos que lles parecen intolerables as ficcións nas que morre un neno -“que no tenía culpa de nada”, di un- e outros que lle atribúen ao director a condición “descarriada” e “perdida” que albiscan nos seus personaxes “drogados” e “perroflautas”. Os máis condescendentes adversarios de Sirât loan as paisaxes e a música pero renegan de todo o demais: diálogos, trama, personaxes, interpretacións, desenlace… Case todos se queixan de que non hai “acción” e de que non se entende.   


Os aburridos e os moralistas 


As opinións máis negativas e mesmo irritadas con Sirât e con Laxe son basicamente de dúas clases: a primeira é a dos espectadores que se aburriron moito e se arrepinten por ter perdido de tan mala maneira un par de horas do seu tempo. Este tipo de comentaristas bota de menos unha “trama que te enganche” e unha narración máis convencional e realista: “hai un montón de cousas importantes que non se explican”. E apenas admite a sinceridade dos que eloxian tanto á película -“hipsters colocados”- como ao “cultureta moderno” que a dirixe. A segunda tendencia -non podía faltar- é a que enche o seu xuízo de contidos morais, moralizadores e moralizantes. Moralismo banal e tolleito, dese que reduce a arte á obriga de denunciar que as cousas non sexan da única maneira que deberían ser. Ambas variantes críticas lévanme a pensar unha vez máis que algo demasiado importante, probablemente decisivo, está a fallar na educación artística da mocidade. 


Ironía involuntaria 


É consolador, con todo, que haxa tantas persoas que se abandonaron a Sirat, que decidiron abeirar prexuízos e convencións, que admitiron ir renunciando ás expectativas comprensibles que a propia película vai creando e destruíndo, que se expuxeron a unha obra de arte dura, desconcertante e radicalmente diferente. As alusións dos críticos profesionais ao western, ás road movies e ás desiguais entregas de Mad Max non son máis que chiscadelas vagas e talvez obvias, orientacións non demasiado útiles para encaixar unha película que non se deixa atrapar en ningunha das referencias xenéricas usuais. 



E un desexo: que Sirât entre no tramo final da carreira polos Oscar e obteña iso que se adoita denominar o prezado galardón. 



Hai algo de ironía involuntaria, un tanto ácida, no feito de que entre os detractores de Sirât os diagnósticos máis repetidos para descalificar a película sexan os de “absurdo” e “sinsentido”. Que pensaríamos hoxe, tantos anos despois, se alguén utilizase eses mesmos adxectivos para denigrar as traxedias gregas, o teatro de Beckett, as novelas de Kafka, O estranxeiro, de Camus? Sinalar o parentesco de Sirât con esas grandes obras de arte non significa establecer comparación ningunha nin equiparar nada, pero si indicar certos xeitos de mirar vinculados, certas confluencias temáticas, certa estética da búsqueda e da desolación. Sirât só cobra sentido a partir do sen sentido 


Unha conclusión final? Velaquí: a pesar de que hai críticos afeccionados moi bos e críticos profesionais moi malos, estes últimos seguen a facer o seu traballo mellor que os primeiros. E un desexo: que Sirât entre no tramo final da carreira polos oscar e obteña iso que se adoita denominar o prezado galardón. E que cunda aínda máis o desconcerto! 


O artigo Sirat publicouse primeiro en Tempos Novos.