En pruebas. Estamos cocinando nuestro algoritmo

Ribas de Sil celebra a terceira edición do Festival Rock&Viño

Este venres, 14 de agosto, celebrouse a terceira edición do festival Rock & Viño de Ribas de Sil que contou con promoción dos produtos galegos de calidade diferenciada. A acción, enmarcada no Plan Saborea Galicia Calidade Diferenciada, permitiu achegar ao público estas producións a través de cinco degustacións elaboradas con produtos amparados por diferentes distintivos de calidade diferenciada.





A proposta gastronómica estivo acompañada pola presenza de diferentes adegas da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, reforzando así a unión entre gastronomía, viño, música e territorio que caracteriza esta cita. Neste sentido, Alemparte salientou a importancia de aproveitar eventos culturais e de lecer para achegar os produtos de calidade diferenciada a novos públicos e favorecer o seu coñecemento e identificación por parte dos consumidores.





As degustacións permitiron realizar un percorrido por diferentes producións galegas. A primeira estivo protagonizada polos queixos premiados nas Catas de Galicia, pertencentes ás DOP Arzúa-Ulloa, Queixo Tetilla, Cebreiro e San Simón da Costa, así como por queixos de Artesanía Alimentaria, acompañados da IXP Pan de Cea.





A segunda proposta combinou IXP Ternera Gallega, verduras de Agricultura Ecolóxica, DOP Arzúa-Ulloa, IXP Pataca de Galicia e DOP Pemento de Herbón. A continuación ofreceuse unha degustación con IXP Grelos de Galicia e outros produtos de calidade diferenciada, seguida de minihamburguesas de porco celta de Artesanía Alimentaria. Como peche doce, os asistentes puideron degustar xeados artesáns elaborados ao abeiro de Artesanía Alimentaria.





O director da Axencia incidiu no papel da calidade diferenciada como ferramenta para xerar maior valor engadido nas producións agroalimentarias galegas. Estes distintivos permiten ao consumidor identificar produtos cunha orixe e unhas características diferenciais, ofrecendo garantías de autenticidade e calidade e contribuíndo, ao mesmo tempo, a fortalecer as explotacións e industrias agroalimentarias, manter actividade económica no rural e facer territorio.





Nesta liña, lembrou a aposta da Xunta a través do Plan Saborea Galicia Calidade Diferenciada, ao que a Consellería do Medio Rural destina este ano máis de 10 millóns de euros, dous millóns máis que en 2025. O obxectivo é reforzar a promoción destas producións, incrementar a súa visibilidade e favorecer que os consumidores coñezan, identifiquen e valoren os selos que certifican a súa orixe e calidade.


O artigo Ribas de Sil celebra a terceira edición do Festival Rock&Viño publicouse primeiro en Xornal de Lemos.