Esta fin de semana Quiroga exaltará o seu Aceite de Oliva Virxe Extra (AOVE) coa celebración da XXVI Mostra do Aceite de Quiroga, un evento declarado dende hai anos como ‘Festa de Interese Turístico de Galicia’ que dá a coñecer o seu apreciado e recoñecido ouro verde, que presume de ter unhas características organolépticas singulares.
Dende o pasado ano, o Concello de Quiroga deu un paso máis na organización do evento. Sen perder a tradicional demostración tradicional do aceite no referencial Muíño de Bendilló (a poucos quilómetros do casco urbano), decidiu levar os postos dos colleiteiros e colleiteiras, así como outras actividades, ao centro da vila. E non só iso, sumouse ao programa o ‘Congreso arredor do Aceite de Oliva de Quiroga’ e decidiuse crear a figura do ‘Embaixador do Aceite de Quiroga’ así como organizar demostracións culinarias en vivo con chefs galegos.

Demostracións de cociña / RTMQ
A aposta funcionou e este ano repítese o formato. O sábado 14 pola tarde terá lugar o III Congreso arredor do Aceite de Oliva de Quiroga, no Auditorio; e o domingo 15 celebrarase o mercado cos postos de aceite e outros de artesanía, nomearase ao ‘Embaixado do Aceite de Quiroga’, haberá demostracións de cociña en vivo e degustacións comentadas co aceite quirogués como protagonista.
III CONGRESO ARREDOR DO ACEITE DE OLIVA DE QUIROGA
Ás cinco da tarde no Auditorio Municipal comezarán os relatorios deste congreso que abrirá o Enxeñeiro Agrónomo de Bodegas Gómez Sanmartín, José Manuel Gómez Sanmartín, falando sobre a “Casuística das explotacións de oliveiras en Galicia”.
A continuación, ás 18:00 h., terá lugar a charla “Biotecnoloxía aplicada á produción de oliveiras autóctonas” a cargo de Marga Fraga Ares, licenciada en química ambiental e Directora Técnica da Fundación Paideia Galiza (CULTIGAR).

Segundo Congreso do Aceite / RTMQ
A seguinte en intervir será Beatriz Cancho Grande, Catedrática da Universidade de Vigo na Facultade de Ciencias de Ourense, que se centrará na “Valoración do potencial antidiabético dos aceites de oliva galegos”.
A xornada do sábado complétase este ano coa apertura de postos pola tarde, e pecharase cunha cea cóctel “Os sabores que medran aquí”, no que se degustarán pratos elaborados polos Chefs Eloy Cancela e Kike Piñeiro, do restaurante “A Horta do Obradoiro” e Iván Méndez de Tabalu Food&Tech. Para participar nesta cea cóctel, que estará amenizada polo violinista Marcos Valcárcel, foi preciso retirar previamente a entrada na Oficina de Turismo da Casa da Cultura.
DOMINGO 15 DE MARZO
O domingo, dobre localización para a Mostra do Aceite. Os postos de venda situados na praza do Auditorio Municipal abrirán a partir das once da mañá. Representando e comercializando o AOVE de Quiroga estarán 7 colleiteiros: Jesús Bao Mondelo, Jesús Arias Rodríguez, Aceiroga, Ouro de Quiroga, Pedro Soto Losada, Val de Quiroga e Cento x Cento.
Durante toda a mañá tamén funcionará o Muíño de Aceite de Bendilló para que as e os visitantes poidan ver a elaboración tradicional do aceite. Unha experiencia única para coñecer como era a moenda das olivas antigamente, antes de chegar a Quiroga as almazaras industriais. Para facilitar o desprazamento ata o muíño sairán autobuses de balde (ás 11:00 ás 12:00 e ás 13:00h.) dende a Praza do Auditorio ata o lugar das Farrapas, lugar no que se sitúa unha capela e o coñecido muíño no que se farán demostracións.
No que respecta ás actividades paralelas deste día, realizaranse dúas degustacións comentadas dos aceites participantes na mostra na sala de catas do Museo Etnográfico. Para participar nestas catas que serán ás 12:30 e ás 16:30 é preciso retirar previamente entradas que estarán á venda no recinto feiral.

Degustacións comentadas no Museo Etnográfico / RTMQ
Ademais, ás 13:30 h. será o momento no que se fará o nomeamento do “Embaixador do Aceite de Quiroga”, nomeamento que recibirá o Chef Javier Olleros do Restaurante Culler de Pau (O Grove), posuidor de dúas estrelas Michelin.
Unha vez rematado o acto de homenaxe, o propio Chef realizará unha demostración de cociña cos aceites de Quiroga como protagonistas. As entradas para degustar os pinchos elaborados estarán á venda na Oficina de Turismo.
Para amenizar o recinto feiral pola mañá estará o grupo de música e danza tradicional “Asociación Cultural Peleriños”, de Sarria, e para os e as amantes das Camelias, na entrada do auditorio municipal poderase ver a 1ª Exposición de Camelias en Quiroga, unha iniciativa de José Ramón Teixeira, destacado coleccionista e cultivador galego de camelia.

O artigo Quiroga eleva o nivel da súa ‘Mostra do Aceite’ cun congreso e chefs como Javier Olleros, con 2 estrelas Michelín publicouse primeiro en Xornal de Lemos.
