A tecnoloxía de pantallas encartables non se limita aos smartphones, e agora chega tamén aos lectores de libros electrónicos, como o mooInk V, un dispositivo con pantalla de 8 polgadas con tecnoloxía Gallery 3 froito da colaboración entre Readmoo e E Ink.
Este produto puido verse nos últimos días na feira Touch Taiwan 2025, e chegará en breve ao mercado, converténdose no primeiro e-reader deste tipo, que tira proveito das posibilidade de encartado para facilitar o transporte do dispositivo cando non está en uso.
O mooInk V non só destaca por ter unha pantalla capaz de soportar até 200.000 encartados, senón que tamén presenta unha boa resolución (300 puntos por polgada) e a tecnoloxía de tinta electrónica Gallery, que podemos ver no reMarkable Paper Pro (ou o mooInk Nana), e presenta unhas cores moito máis vivas que as das pantallas Kaleido dos lectores de libros electrónicos Kindle e Kobo.
Polo momento sabemos que o dispositivo pesará 255 gramos, que pode empregarse aberto totalmente (180 graos) ou parcialmente (90 graos) en función da experiencia de lectura que busque o usuario. Pero polo momento non se desvelou nin o prezo nin a data de lanzamento do futuro integrante da familia de lectores de libro electrónico mooInk.
- O mooInk V puido verse estes días nunha feira en Taiwán