En pruebas. Estamos cocinando nuestro algoritmo

Por que non somos un país aínda máis minguante? 

Veño reiterando, no meu último libro sobre Galicia (“Galicia un país desnortado e minguante”, Universidade de Vigo, 2024), e en achegas ao diario Nós e á revista Tempos Novos (e Tempos Dixital) que somos un país minguante porque, entre outros asuntos, perdemos peso na poboación total e na poboación ocupada no conxunto de España.  


Na poboación total, se eramos o 6,7 % no ano 2000, xa só somos en 2024 o 5,6 %, e na poboación ocupada eramos o 6,5 % e agora apenas o 5,3 %. Outros gañan peso e nós perdémolo: un país minguante. No caso da poboación total sucede o que sucede non porque teñamos unha crise de natalidade derivada de que as mulleres e parellas cambiasen a súa forma de ver a vida. Que poderían e mesmo deberían facelo. 


O declive demográfico de Galicia ten raíces máis profundas, por causa nunha sangría migratoria permanente cara ao resto de España e cara a fóra de España. De rebote, cunha caída da potencial natalidade interna deses mozos emigrados. E a seguir un crecente e progresivo envellecemento que nos converte en campións de mortalidade. En suma: uns saldos vexetativos moi negativos. E, para pór a guinda do pastel, unha moito menor atracción de inmigración de nacidos fóra de España. Por todas esa causas xuntas eramos o 6,7 % e somos -25 anos despois- o 5,6 %. Iso supón -nada máis e nada menos- que en vez dos 2.700.000 habitantes que temos, teríamos que ter acadado os 3.200.000… o que sería a outra cara de non ser un país minguante. 


Pero tamén sucede que este declive demográfico está detrás de que ano tras ano a nosa demanda interna teña menos pulo e vitalidade que a que se anota no conxunto de España, tal como recollía recentemente nunha gráfica en Nós diario (9/10/2025), e cun menor impacto no crecemento. É por iso que o crecemento do PIB entre 2000-2024 foi algo máis baixo en Galicia que no conxunto de España, e mentres en 2000 estabamos no 5,16 % agora estamos no 5,12 %. Tamén somos, lixeiramente, minguantes en PIB, en riqueza anual. Un círculo vicioso. 


Destas dúas facianas minguantes de Galicia (en poboación máis, en PIB algo menos) algúns  analistas non teñen reparos en gabarse de non ser minguantes na progresión do PIB por habitante (tomando a media española igual a 100) pois pasamos dun 77,6 % en 2020 a un 92,3 % en 2024. Sendo, neste indicador, unha das Comunidades Autónomas que máis ten avanzado.  



O noso relativo “éxito” en riqueza por habitante deriva de ser un país minguante en poboación e PIB, pero tamén dunha achega moi concentrada en dúas actividades […]. 



Cada un presume do que quere, pero eu teño moitas dúbidas para facelo, pois ese resultado deriva de dous datos minguantes: por unha banda no denominador (dun declive demográfico empurrado por un éxodo migratorio) e, por outra, no numerador (dunha escasa achega da demanda interna ao crecemento do PIB). 


Chegados a este punto, se acaso, podería un facerse a pregunta coa que abro esta análise: por que entre 2000-2024 non fomos un país aínda máis minguante? E dicir, por que non cae entre nós aínda máis o peso do PIB no conxunto español como debera facelo -por causa da demanda interna- nun país minguante como é Galicia. A resposta é sinxela pero non por iso deixa de ser moi problemática: porque a demanda externa neses vinte anos foi un motor máis potente en Galicia que no conxunto de España, e así compensou algo a desfeita do país minguante. Algo que recollo nunha gráfica que fala por si soa. 


Fonte: Elaboración propia coas Contas Anuais do IGE e do INE [Ampliar gráfica]

Só porque entre nós os sectores que dependen de Stellantis (automoción) e Inditex (confección) teñen uns saldos externos moi positivos esa achega foi superior. Estamos, certamente, diante dun paliativo a sermos unha Galicia aínda máis minguante en PIB. Pero con varias sombras.  


A primeira que supón concentrar en dúas cartas unha partida que debera estar moito máis diversificada ante os crecentes riscos do comercio internacional, para ser máis resilientes se algo se revira neses dous sectores. A segunda porque ese bicultivo exportador encubre que mantemos un déficit crónico no número de empresas exportadoras, pois o noso peso nese capital industrial segue a ser defectivo no conxunto de España. De novo, Galicia minguante. 


Resumindo: o noso relativo “éxito” en riqueza por habitante deriva de ser un país minguante en poboación e PIB, pero tamén dunha achega moi concentrada en dúas actividades que dependen de xeito abrumador da demanda externa: automoción e confección.  


Sen nunca perder de vista que o noso peso no conxunto dos ocupados de España non só é, malia iso, minguante senón mesmo inferior ao da poboación. E sen perder de vista que fronte aos 1.150.000 de ocupados actuais, de non ser minguantes no conxunto de España, teríamos que acadar os 1.400.000 traballadores ocupados. Douscentos cincuenta mil empregos máis, que moito farían pola natalidade e pola redución da emigración crónica fóra e dentro de España, por non falar da demanda interna. Claro que para iso teríamos que deixar de ser un país desnortado, tal como detallo no ensaio que citaba ao comezo desta análise. 


O artigo Por que non somos un país aínda máis minguante?  publicouse primeiro en Tempos Novos.