En pruebas. Estamos cocinando nuestro algoritmo

Perto dun milleiro de visitantes fixeron xa a senda divulgativa do Viveiro dos Trollos en Bóveda

A senda divulgativa do Viveiro Forestal dos Trollos poñíase en marcha no mes de xuño. Desde aquela a maioría dos visitantes foron familias e arredor dunha terceira parte optou por realizar a visita guiada. No seus máis de dous quilómetros de percorrido, a senda facilita a observación do hábitat formado polas distintas especies arbóreas, tanto autóctonas como ornamentais, que medran nas arredor de 30 hectáreas de extensión do viveiro. O itinerario conta ademais con diversas pezas realizadas en madeira, realistas e a tamaño natural, que representan especies da fauna da contorna.





A experiencia pode completarse ademais na aula forestal do centro, un espazo no que os visitantes poden coñecer máis sobre o monte e outros recursos naturais da comunidade a través de diferentes pezas e paneis informativos.





O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, vén de visitar as instalacións do viveiro para coñecer de primeira man o itinerario interpretativo, que permite achegar á cidadanía o patrimonio forestal galego e fomentar o seu coñecemento e conservación. Acompañárono o responsable do viveiro, José Vázquez, e o alcalde de Bóveda, José María Arias.





Villares destacou a boa acollida que está a ter a senda interpretativa así como a importancia de achegar á cidadanía o patrimonio forestal galego e dar a coñecer o gran traballo que se desenvolve nos viveiros públicos para a produción e conservación das especies forestais.





A senda divulgativa dos Trollos púxose en marcha o pasado 5 de xuño dentro dun plan da Xunta de Galicia para abrir ao público este tipo de instalacións. O programa está dotado con arredor de medio millón de euros e inclúe tamén actuacións no viveiro autonómico de Santa Cruz de Oleiros, no concello da Coruña. As persoas interesadas en visitar o viveiro de Bóveda poden facelo ata o 15 de setembro, de luns a domingo, en horario de 10,00 a 14,00 horas e de 17,00 a 20,00 horas. A partir desa data, o horario será de 10,00 a 14,00 horas, de martes a sábado.









Viveiro dos Trollos / Delegación Territorial


O artigo Perto dun milleiro de visitantes fixeron xa a senda divulgativa do Viveiro dos Trollos en Bóveda publicouse primeiro en Xornal de Lemos.