“New York seguirá sendo unha cidade de inmigrantes, unha cidade construída por inmigrantes, impulsada por inmigrantes” (Zohram Mamdani)
Que un home mozo (34 anos), que ademais se declara de esquerdas, gañara as eleccións á alcaldía de Nova York é, como sinalan a maioría dos medios, un fito histórico, pois é a primeira vez que sucede algo parecido, algo do que non hai precedentes inmediatos.
Zohran Mamdani, así se chama este mozo nacido en Uganda, converteuse no primeiro alcalde socialista da big apple que pasa por se-lo centro mundial do capitalismo financeiro. E faino cando na Casa Branca manda quen (Donald Trump) representa unha das facianas mais perigosas e sinistras do actual capitalismo mundial. Alguén que ameaza con facer táboa rasa de moitos dos avances sociais que tanto nos custaron conseguir. Un megalómano que ten que ver como onte un mozo neoiorquino lle gañou -D.T. implicouse fortemente na campaña apoiando ao candidato opositor- baseando unha parte da súa vitoria nun moi eficaz e intelixente uso das redes sociais, un mundo onde os trumpistas pensaban non tiñan rivais. Un eficaz uso das redes sociais sumado a unha grande mobilización social impulsada por miles de voluntarios (falase de 100.000), maioría mozos, que se sumaron á campaña do candidato.
Unha campaña na que este acentuou o seu perfil social -transporte público gratis, conxelación de alugueiros, garderías públicas…-. Unha promesa de ampliación dos programas sociais -que serán financiados, segundo o candidato, con novos impostos ás persoas con maiores ingresos e as grandes empresas- que conseguiría unha mobilización dos neoiorquinos como non se coñecía dende hai décadas -segundo os datos máis fiables, 2 millóns participaron nas votacións: 1 millón máis que nas anteriores-. Unha alta participación na que tivo moito que ver o sinalado anteriormente: a implicación da mocidade, pois calcúlase que un 62% dos/as mozos/as de Nova York votaron por Mamdani. Mozos -maiormente varóns-, negros, hispanos, asiáticos, de rendas medias, baixas de altas, parecen seren os grandes responsables desta histórica vitoria. Un dato que, de confirmarse, pode significar que “o temor ó trumpismo” empeza a medrar nos Estados Unidos, e Nova York quere se-la avanzada.
Hai tamén que atribuír unha parte de responsabilidade desta fulgurante vitoria (50,4% dos votos, un 9% máis que o segundo máis votado) a debilidade dos contrincantes (repúblicanos e demócratas) marcados por escándalos varios. Neste marco cómpre subliñas que Mamdani gañou a pesares de non contar co apoio do sector máis conservador do Partido Demócrata.
Un dato máis a destacar é a distribución do voto por condados: Mamdani, segundo os primeiros datos, gañaría en catro dos cinco, o que significará que o fixo tanto en barrios ricos como en barrios pobres, nos que hai maioría de nativos pero tamén unha forte presenza de inmigrantes, nos de poboación branca e/ou mestiza.
Tempo haberá para facer valoracións mais fondas e en base a mellores datos pero o que resulta indiscutible é que estamos diante dun fito histórico nos Estados Unidos e precisamente cando parecía que a vaga conservadora e reaccionaria era imparable.
O artigo New York, New York… publicouse primeiro en Tempos Novos.
