O comentario musical que hoxe ocupa noso tempo non xira en torno a un lanzamento discográfico, mais chega cargado dunha sobredose melómana que garante moitas horas de variada audición. ¡Lo tengo en vinilo! é o primeiro libro de Óscar Avendaño (O Calvario, Vigo, 1973), o músico líder de mil proxectos (Los Profesionales, Banda Fantasma, Los Casanovas, Reposado, The Bo Dereks…) que quizais sexa máis coñecido para un público maioritario por ser baixista de Siniestro Total durante os últimos vinte e un anos da banda.
O tomo é unha publicación singular no sentido en que non se trata dunha autobiografía ó uso, senón que, coma sinala o autor, as páxinas funcionan como banda sonora da súa vida. Arrodeado de discos dende a infancia, Avendaño foi frade antes ca cociñeiro, ou o que é dicir, forxouse coma aficionado á música antes de dar o salto de facturar a súa propia. Esta cartografía musical e emocional artéllase en noventa capítulos que se corresponden con outros tantos álbumes que marcaron a existencia de Pelda, cognome de Avendaño, nas cinco décadas que leva neste planeta. Deste xeito, desfilan polas follas de ¡Lo tengo en vinilo! discos de distinta natureza que tanto invitan á alegría, ó canalleo ou a xolda coma tamén á introspección ou a melancolía.
Todos estes artefactos sonoros adquiren o status desas amizades que acompañaron ó autor en importantes momentos vitais, coma os primeiros pasos no mundo da música, os vaivéns sentimentais, o pasamento dos seus pais ou episodio pandémico mundial. Avendaño teno claro: se algún xénero destaca sobre todo a través da lectura deste libro, este é o rock and roll, en todas as súas vertentes e encarnacións xeneracionais. O progreso dos noventa capítulos serve coma pretexto para falar non necesariamente de álbumes determinados, focalizando en artistas ou filmes musicais nalgúns casos.
Unha das características máis salientábeis do libro é o feito de incluir unha playlist que compila os temas máis representativos, á que se pode acceder mediante un código QR. Deste xeito, a experiencia lectora resulta entretida e participativa, nun diálogo constante co autor a través das cancións. Como suliña o propio Avendaño, o único nome que se reitera é o de Siniestro Total, obviamente polo vencello profesional, aínda que tamén recoñece que o grupo vigués xa o marcara moito antes de se integrar nas súas filas.
Por iso non é casualidade que o prólogo de ¡Lo tengo en vinilo! veña asinado por Julián Hernández. Outra curiosidade: o único grupo galego, ST aparte, son os lugueses Los Contentos, banda para a que Óscar Avendaño organizara un disco tributo hai xa uns cantos anos.
¡Lo tengo en vinilo!
Óscar Avendaño
NeoPerson (Colección Sounds) 2024
O artigo “¡Lo tengo en vinilo!”. Banda sonora de Óscar Avendaño publicouse primeiro en Tempos Novos.