En pruebas. Estamos cocinando nuestro algoritmo

Libertarios e anarcocapitalistas de todo o mundo unidos… ao teto dos gobernos

Os medios de comunicación de todo o mundo levan meses a informar dos recortes de Elon Musk nos Estados Unidos, executados con incesantes proclamas contra o Estado e a dilapidación con que gasta os cartos públicos. Agora pelexa co seu xefe, o presidente Trump, porque di que a súa lei orzamentaria vai producir máis déficit e débeda, e este último ameázao con quitarlle os milleiros de millóns de dólares que recibe do Goberno.


Non é só a crónica dun esperpento. É unha mostra máis da incompetencia, a ignorancia, o cinismo e a maldade criminal dos novos multimillonarios que están a secuestrar os Estados para exprimilos como un limón para a súa comenencia, e que usan como escuadrón ideolóxico que o xustifique os economistas libertarios ou anarcocapitalistas, como eles mesmos se autodenominan.


Musk é un bo paradigma e expresión do novo tipo de capital tecnolóxico que se propón dominar o mundo. Existe grazas ao diñeiro público que durante moitos anos se dedicou a promover a investigación básica, e non pode facer negocios sen axudas millonarias dos gobernos, pero ataca sen piedade a intervención do Estado porque quere telo todo e non está disposto a pór nin un dólar en impostos para contribuír ao gasto común.



Musk é un cínico porque baballoa contra o gasto público cando as súas empresas puideron existir e gañar diñeiro grazas ás axudas gobernamentais.



Musk amosou ser un incompotente. Asegurou que aforraría dous billóns de dólares e só aforrou, segundo a web do seu propio departamento, 180.000 millóns de dólares. A pesar de dispor de todos os medios necesarios, o máis probable é que, en realidade, non aforrase nin a metade desta última cifra. E iso, tendo en conta que non se contabilizan os custos que eses recortes van producirlle ao goberno por outras vías.


Musk amosou que é un ignorante. Estráñase agora de que os recortes orzamentarios engaden máis déficit e débeda, cando ese foi o resultado de todas e cada unha das operacións de recortes de inspiración neoliberal e libertaria que se fixeron nas últimas décadas. Non pode ser doutro xeito, cando o único que se fai é recortar impostos aos ricos e gasto social aos máis pobres e, ao mesmo tempo, se aumenta en maior medida o gasto militar e o de axudas ás grandes empresas e ao sector financeiro.


Musk é un cínico porque baballoa contra o gasto público cando as súas empresas puideron existir e gañar diñeiro grazas ás axudas gobernamentais: polo menos 38.000 millóns de dólares no últimos cinco anos, segundo The Washington Post. E as súas empresas non foron as únicas en recibir esas axudas. Aínda que non é fácil determinalo con exactitude, calcúlase que as 500 cotizadas máis grandes de Estados Unidos reciben entre 500.000 millóns de dólares e 750.000 millóns anualmente de diñeiro público en forma de axudas, rescates, beneficios fiscais ou contratos. E é imposible calcular o beneficio que reciben polo uso de infraestruturas, investigación ou fondos federais polo que non pagan.


Elon Musk e quen alentaron, apoiaron, aplaudiron e permitiron os seus recortes comportáronse, por último, como seres malvados e auténticos criminais.


Elon Musk e quen alentaron, apoiaron, aplaudiron e permitiron os seus recortes comportáronse, por último, como seres malvados e auténticos criminais. Só o desmantelamento da Axencia de Estados Unidos para o Desenvolvemento Internacional (USAID) vai provocar a morte de millóns de persoas. E a nova lei orzamentaria, entre outras consecuencias dese tipo, vai limitar o acceso á atención médica a máis de 11 millóns de cidadáns dese país, mentres que baixa os impostos e dá axudas millonarias aos máis ricos.


As industrias e empresas que reclaman a non intervención pública buscan, en realidade, que esta se manteña con toda a súa contundencia, pero a prol delas. É o que ocorreu coas grandes tecnolóxicas que conseguiron que o Estado federal interveña para prohibir (na recente lei orzamentaria) que os diferentes estados lexislen sobre Intelixencia Artificial nos próximos dez anos para combater a manipulación e as fraudes. Intervención do Estado a favor dos demais, non; no seu, toda a que sexa necesaria e moito máis.



As industrias e empresas que reclaman a non intervención pública buscan, en realidade, que esta se manteña con toda a súa contundencia, pero a prol delas.



Mentres que Elon Musk e Donald Trump estiveron facendo todo isto, gozaron do apoio e a compracencia dun exército magníficamente ben pagado de palmeiros de medio mundo. Unha lexión de economistas e xornalistas que se dedican a promover a relixión dos mercados libres que ninguén viu nunca, e a xustificar baixadas de impostos e recortes de gastos con datos falsos e teorías económico das que só se puido contrastar que, cando se puxeron en práctica, sempre tiveron o efecto contrario ao anunciado (máis débeda e peor economía), e o que nunca recoñecen (máis riqueza e privilexios para os máis ricos).


Para semellante proxecto non se pode recorrer senón ao que se está recorrendo: á mentira, á extrema dereita totalitaria e a personaxes estrambóticos, drogadictos e viciosos, delincuentes convictos, maleducados e enfermos de avaricia, de poder e egolatría. O peoriño de cada casa, pero que sacarán adiante o seu negocio se non se levanta fronte a eles unha vaga de denuncia e transparencia, e un reclamo planetario de verdade, liberdade, democracia, xustiza e paz.


 


__


Artigo orixinal dispoñible en Ganas de Escribir. Página web de Juan Torres López (juantorreslopez.com). Cedido polo autor para versión en galego.


 


O artigo Libertarios e anarcocapitalistas de todo o mundo unidos… ao teto dos gobernos publicouse primeiro en Tempos Novos.