Algúns asiduos ao Festival Plataforma, cando pasou a primavera e chegou o verán sen que as intervencións performáticas abrollaran polos diversos espazos de Santiago, sospeitamos que este ano o abrollo xa non se daría. Mais foi en setembro cando chegou e abofé que o fixo cunha especial fondura. E digo fondura porque este ano a dimensión auto e metarreflexiva, certamente non infrecuente mais tampouco unha constante, estivo especialmente presente na maioría das intervencións que incorporaron, aos lugares habituais, algún tan insólito coma o Observatorio Astronómico Ramón María Aller do universitario Campus Sur.
Tres conferencias performáticas
A bailarina, coreógrafa e investigadora da danza Olga de Soto abriu o Festival. Ben coñecida polos seus traballos sobre historia da danza, ofreceu a primicia dun novo proxecto baixo o título Algo se cruza nas palabras ao escavar baixo os pés (2026-2029). Na súa pescuda, ela mesma sinala dous vieiros: o primeiro centrado na figura da alemá Elisabeth Eidenbenz, quen viaxa á España da Guerra Civil co Comité Suízo de Axuda aos Refuxiados e, posteriormente, funda en Francia a Maternidade Elna co obxectivo de protexer as nais españolas exiliadas e aos seus fillos (trala ocupación nazi, protexerá tamén a nais xudías e xitanas); o segundo, segue o fío das cançós de vetlatori ou de albeat valencianas, danzas funerarias pola morte dun neno. Trátase, subliñou, de crear “un espazo de latencia”, “o proxecto dunha proxección”, a visión dunha obra por vir, na que a evocación de Elisabeth Eidenbenz é a dunha muller que salva vidas, mentres que a danza aparece coma unha resposta á perda. Mais as dúas responden á mesma necesidade: resistir a brutalidade do mundo. Que non é un mundo xa pasado. Ou non é certo que as imaxes, trala Guerra Civil, dos refuxiados españois nas praias francesas se asemellan ignominiosamente ás que vemos hoxe dos inmigrantes nas praias ceutís?
A bailarina e coreógrafa Leonor Leal ofreceu, baixo o título El lenguaje de las líneas, unha auténtica lección maxistral que mantivo admirados e enmeigados aos espectadores, afeccionados ao flamenco ou non, que enchían o pequeno espazo do edificio da SGAE.
A videoartista galega María Ruido construíu o seu discurso coma un diálogo sobre outro diálogo. Sobre o vídeo As regras do xogo, da súa propia autoría, presentado no museo mallorquino Es Baluard en marzo de 2022, foi intervindo con exposicións verbais que incidían en varios dos temas que ocupaban o diálogo que ela mesma, no vídeo, mantén coa escritora e activista cultural Brigitte Vasallo. No propio título alúdese á socioloxía da arte de Bourdieu, segundo a cal a construción da “alta cultura”, como sinala Vasallo no vídeo, “é un luxo, un erro que contribúe ao sistema de clase”. Ruido e Vasallo presentan unha orixe semellante (as dúas fillas de emigrantes do rural galego), unha traxectoria disímil (Ruido, brillante estudante, que se apoia no seu expediente académico para acceder ao espazo privilexiado da arte; Vasallo, autodidacta, que financiará as súas primeiras creacións con traballos de camareira e limpadora) e unha común autopercepción de desclasamento que, como salientou María Ruido nunha das súas intervencións verbais, garda un paralelismo co que Didier Éribon recolle no seu Retour à Reims: a adopción dun tipo de discurso “elevado”, indispensable para ser validada nos circuítos da arte, que a distancia da súa propia nai, incapaz de entendelo. O que inclúe o (non) uso da “lingua materna”, lingua das clases subalternas: “a miña lingua materna eu chámoa conciencia de clase”, salientará Ruido. Non houbo en cambio ningunha alusión á elección formal do vídeo, que na súa construción define tamén un discurso: tan só tres únicos planos que, nunha decisión contraria a toda convención, en ningún caso mostran a cabeza das dúas protagonistas do diálogo.
A bailarina e coreógrafa Leonor Leal ofreceu, baixo o título El lenguaje de las líneas, unha auténtica lección maxistral que mantivo admirados e enmeigados aos espectadores, afeccionados ao flamenco ou non, que enchían o pequeno espazo do edificio da SGAE. O título e as primeiras frases da insólita conferencia (“Es la primera vez que alguien comete la insensatez de pedirme una conferencia. La ignorancia me da valor...”) foron tomados dunha que impartiu Antonia Mercé La Argentina, en París no ano 1936. No que seguiu mesturou o traballo de investigacións sobre a memoria da danza flamenca (desde a histórica Argentina ata figuras recentes), manuais de danza que tentan inutilmente atrapar unha técnica que nunca é só técnica, os seus propios bosquexos coreográficos (auténticas obras plásticas con valor propio), e sempre o corpo, un corpo que “sabe moitas cousas”, por iso a voz que conta ten que prolongarse no corpo que danza. Por iso, esta é, como así foi presentada, unha “conferencia bailada”.
Houbo tamén poesía na performance dos makers, pero a poesía foi o centro evidente de Medro, medro e non sei onde parar, intervención de Ismael Ramos no claustro do Museo do Pobo Galego que fixo emblema dos versos de María Mariño cos que titulou a súa acción.
Da ciencia á poesía
Óscar Gómez Maya e Juan Loriente, Makers itinerantes, aparecen como dous peregrinos máis diante do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, que dirixe o sabio José Manuel Docobo, quen, coma o seu equipo, tamén estarán presentes ao longo da longa performance, na que ciencia, humor e poesía integraranse nun continuo aparentemente caótico mais finalmente coherente. Mentres os dous makers van percorrendo o exterior do observatorio, a convivencia entre o analóxico e o dixital cruzarase co Big Bang e a “sopa” e os “raios” “cósmicos” (que por veces parecen cómicos), o reto de identificar pareidolias, a enigmática materia escura ou as trece dimensións e os multiversos propostos pola Teoría das Cordas. Nese tempo que o galego chama de entre lusco e fusco, cando o sol xa non está pero aínda non é noite pecha, os makers convidan ao sabio Docobo a que fale das estrelas cando aínda non se ven. Serei eu blasfemo contra a arte se digo que a exposición do sabio foi un dos cumios deste Festival Plataforma no que tantos cumios houbo? Unha exposición que nos levou desde a constelación de Orión ata Sirio, a estrela máis brillante, dos Setestrelos, o Cazador e as Xemelgas ata o misterio (revelado) das estrelas dobres.
Houbo tamén poesía na performance dos makers, pero a poesía foi o centro evidente de Medro, medro e non sei onde parar, intervención de Ismael Ramos no claustro do Museo do Pobo Galego que fixo emblema dos versos de María Mariño cos que titulou a súa acción. A carón da poeta do Courel, medraron tamén versos íntimos de Xabier Cordal, épicos de Ferrín, reivindicativos de Daniel Salgado, feministas de Lupe Gómez, conscientemente utópicos de María do Cebreiro, autobiográficos do propio Ismael Ramos. E, xunta eles, documentos. Documentos que falan, por exemplo, do retroceso do galego e o xenocidio en Gaza, do ascenso do fascismo e da “imposibilidade da lingua de nomear as cousas” e, con todo, escribir, escribir sempre como “acto de resistencia contra todo”.
Rituais
Sábese da vontade nas intervencións performáticas de recuperar a función ritual que nos seus inicios tivo a representación dramática. Porque, remedando e corrixindo a Aristóteles, primeiro non foi a mímese, a pretensión de reflectir o real, senón a catarse, a produción dunha escena na que, tanto os espectadores coma os propios actantes, actores e actrices, atopasen algo curandeiro, menciñeiro, reparador. Félix Fernández, en Xavier a través de min, e Sergio Marey, en Total nós xa estamos mortas, somérxense, e somerxen con eles a quen os observan, en cadanseu exercicio ritual a través do cal evocar e transcender unha memoria ferida, a do seu irmán morto no caso do primeiro, a da travesti trans Trinidad Falcés no caso do segundo. Percíbese nos dous casos a melancolía dun cerimonial relixioso se cadra xa imposible en tempos dunha posmodernidade definitivamente descrida. O que non impide que alguén os poida ler tamén coma un retorno do sagrado.
No pequeno espazo da Fundación DIDAC, Tere Recarens e Shima alimentaron un ritual máis íntimo e ao tempo tamén máis liberado de calquera dependencia do peso do persoal, unha intimidade desxubxectivizada, poderíase dicir. En Baharestan Carpet, tomando como base un antiquísimo modelo persa, as dúas oficiantes propoñen aos iniciados completar o deseño dunha “alfombra de primavera” inscribindo, cos seus propios dedos, unha palabra na grafía persa, mentres conversan (sen apenas erguer a voz, sen pontificacións nin dramatismos, malia sermos todos sabedores da traxedia que nestes mesmos días sofre a poboación do territorio persa-iraniano…) sobre esa milenaria cultura, as transformacións introducidas trala invasión árabe, a influencia islámica, os exilios. E recítanse uns versos da poeta e cineasta Forugh Farrojzad: “Síntome oprimida / Síntome oprimida…” E aprendemos que, literalmente, en persa isto se di: “Téñenme collido o corazón”. Eu fico sentado, escoitando, observando. Tomo nota. Confeso a miña debilidade por estes pequenos rituais.
Da nova danza galega ao flamenco
Tempo houbo para coñecer o traballo de grupos emerxentes da danza galega. Na Sala de Máquinas, outro espazo que o Festival Plataforma vén potenciando, o dúo iXa e o quinteto Ábrego presentaron dúas pequenas pezas, case miniaturas de apenas 15 minutos, que evidenciaron un excelente dominio técnico. Non é este un eido no que me sinta eu especialmente seguro así que espero se me desculpe a brevidade do comentario.
Agora que o temible Informe Pisa acaba de dar un suspenso case mundial aos estudantes de secundaria, cuxas causas se atribúen en boa medida á perversa dependencia dos móbiles e á irrupción da IA, non sería mala idea que se programase esta atractiva peza nos IES de toda Galicia.
Atrévome a dicir algo máis respecto do espectáculo que pechou o Festival, Transparentar do grupo Enésima, presentado como Danza-teatro. Nel, en efecto, a dimensión dancística ponse ao servizo dunha diéxese dramática ben recoñecible que, neste caso, propón unha reflexión crítica sobre o impacto das novas tecnoloxías (os móbiles, as redes sociais) nas xeracións máis novas, que é practicamente a mesma dos dous intérpretes (tamén creadores da peza), o que proporciona un plus de autenticidade que minora certos aspectos na representación escenográfica que doutro xeito poderían ser interpretados coma inxenuos. Agora que o temible Informe Pisa acaba de dar un suspenso case mundial aos estudantes de secundaria, cuxas causas se atribúen en boa medida á perversa dependencia dos móbiles e á irrupción da IA, non sería mala idea que se programase esta atractiva peza nos IES de toda Galicia… e, xa postos, de toda España. Suxestión para programadores e consellerías autonómicas de Educación.

Algo se cruza nas palabras ao escavar baixo os pés – Olga de Soto
A conexión andaluza leva sendo fértil en presenza no Festival Plataforma. Ía eu dicir que este ano acadaba máximos, non só en número, senón en excelencia, cando me decatei de que estaba caendo na errónea metonimia de identificar flamenco e andaluz. Porque este ano en efecto vimos tres actuacións con vínculos co flamenco. Xa falei da lección maxistral de Leonor Leal. Toca falar da revisión do drama lorquiano Bodas de sangre que o bailaor estremeño (non andaluz!) Álvaro Murillo fai na súa peza 8 kms en mula. Diante da escultura do poeta granadino, (obra de Álvaro de la Vega, instalada en 2020 na Alameda de Santiago), en perenne camiñar desde as escadas da igrexa románica de Santa Susana ao monumento a Rosalía, o bailaor ofreceu unha revisión daquela revisión estreada en 2019, desta vez co acompañamento do veterano cantaor xitano (e tamén estremeño) Alejandro Vargas, quen impuxo (ao meu parecer de simple afeccionado) un punto purista ao baile innovador de Murillo. Mais para min que o flamenco ten de seu algo intrinsecamente performático, que fai que as fronteiras entre o puro e o innovador por veces se dilúa. Velaí están eses versos que o cantaor canta, faciana contra a faciana do bailaor, para que este responda co seu corpo á súa voz. E acaban os dous rodeando a Lorca, e mentres o mozo Murillo reitera un novo zapateado sobre as escadas de pedra, o vello Vargas canta: y así es la vida / se pasa el rato malqueriendo / no te enamores compañero. E pechan, os dous camiñando con marcada elegancia, mentres Vargas repite Y yeli y yeli y yeli y yeli yeli ya, fraseo tradicional de saída das vodas xitanas. Como as de sangue que Federico escribiu.
Deixei para o final a Luz Arcas, protagonista e creadora absoluta de Morphine, o último espectáculo da súa compañía La Phármako, creada en 2009. A Luz Arcas xa a tiñamos visto no Festival Plataforma do 2024, nun dúo coa bailarina galega Nuria Sotelo na igrexa da Universidade que mantén non poucos elementos de continuidade con esta Morphine: a ritualidade, unha vez máis, que toma elementos da iconografía relixiosa, a autorreflexividade sobre o propio corpo e os seus límites. Non é, desde logo, un espectáculo de “baile flamenco”, nin é Arcas unha bailaora, porque a súa danza non admite fórmulas limitativas, mais o seu concepto do “corpo último”, que guía os seus últimos traballos, segundo declaracións da propia artista, nace dunha investigación a partir do “jondo”. Morphine preséntase as veces co subtítulo “Nana para Emmy Hennings”, e en efecto toma a dramática traxectoria desta artista alemá, cofundadora do Cabaret Voltaire, como fío inspirador. Tres escenas. Na primeira, ela, sacerdotisa dunha relixión ignota (pero aquí, no Teatro Principal de Santiago, ese incensario que move, nunha axitación in crescendo, evoca inevitablemente ao botafumeiro que recibe aos peregrinos, e aparece tinxido dun potencial blasfemo). Na segunda, ela e unha mesa, que semella de madeira e decoración nobres, acaban fundíndose nun único corpo imposible. Na terceira, ela deitada, espida, apenas cuberta cun vestido branco, entra nun transo de movementos espasmódicos, convulsións de dementes (pensamos nas histéricas do Hospital da Salpêtrière, ofrecidas ao todo París no Baile das tolas oficiado por Charcot), e logo, ela co vestido branco e un espello, que será un foco reflector de luces mais tamén un halo sobre a cabeza que xoga coa iconografía das virxes cristiás. Pido a lectores e lectoras que me perdoen que peche este texto cunha autocita roubada ao comentario do dúo de Arcas e Sotelo no Festival Plataforma 2024: “Non hai nin pode haber nestas palabras ningunha pretensión de explicar, nin sequera describir, o que escapa de calquera discurso redutor e por iso mesmo encerra tantas capas de significado que só piden a entrega admirada”.
O artigo [Festival Plataforma 2026] Cando a performance se pensa a si mesma publicouse primeiro en Tempos Novos.
