Tras a boa resposta do mercado ante o teleprompter para streamers lanzado hai un par de anos, a marca Elgato presenta o Prompter XL, un teleprompter de tamaño estudio pensado para producións profesionais que precisan maior distancia de lectura e compatible con cámaras de gran formato. O novo modelo incorpora unha pantalla de 15,6 polgadas, máis do dobre que a do dispositivo orixinal (de 9 polgadas), cun brillo de 600 nits que garante unha lectura cómoda ata 4,6 metros de distancia.
Este produto chega atendendo á demanda dos usuarios, que pedían unha pantalla de maiores dimensións que se adaptase ao seu contorno de gravación. A pantalla Full HD, que se conecta mediante un único cable USB 3.2, é visible baixo luz intensa e pode retirarse facilmente grazas a un sistema magnético. Isto permite transportala, limpala ou empregala como monitor adicional entre gravacións.
O corpo do Prompter XL está reforzado para soportar cámaras de ata cinco quilos de peso, incluíndo videocámaras profesionais e de estudio.
Dispón de varias placas traseiras intercambiables adaptables a diferentes obxectivos, e os usuarios poden descargar ficheiros tridimensionais no Elgato Marketplace para imprimir en 3D pezas personalizables. O sistema de montaxe é compatible con trípodes e soportes profesionais e incorpora un raíl para accesorios como micrófonos ou luces.
O dispositivo inclúe o software Camera Hub, que permite crear e organizar guións de maneira sinxela e personalizable. A función Voice Sync, dispoñible en equipos con procesadores gráficos nVIDIA RTX ou Apple Silicon, axusta automaticamente a velocidade do texto ao ritmo da voz do presentador. O control pode realizarse desde o ordenador ou a través dun Stream Deck.
Cando non se utiliza como teleprompter, o Prompter XL pode funcionar como monitor secundario para presentacións ou videoconferencias, facilitando que o orador manteña o contacto visual coa cámara mentres consulta notas ou diapositivas.
O produto está xa dispoñible a un prezo de 599,99 euros, polo que custa o dobre que o modelo anterior, pero cómpre salientar que supón unha mellora en tamaño, brillo e capacidade de carga, aínda que como desvantaxe hai que advertir de que non é compatible con smartphones e webcams como o modelo básico.
Vídeo promocional do novo teleprompter de Elgato
