En pruebas. Estamos cocinando nuestro algoritmo

Eleccións en Ecuador: o mito de Sísifo e a necesidade de matar ao pai

O pasado 13 de abril tivo lugar a segunda volta das eleccións presidenciais en Ecuador, tendo como resultado (¿inesperado?) a vitoria por máis de dez puntos porcentuais do candidato neoliberal Daniel Noboa fronte á correísta Luísa González. Ata aquí nada novo con respecto ás eleccións de 2021 ou de 2023, con idéntico final (triunfo conservador), agás por algunhas circunstancias que se deron neste último proceso.


En primeiro lugar, unha alta porcentaxe de voto en primeira volta de González (44%), notablemente maior que a dos candidatos progresistas Lenín Moreno, Andrés Arauz e ela mesma en anteriores comicios; en segundo lugar, un apoio inédito no balotage do movemento indíxena (algo máis do 5% do voto) tras máis dunha década de fortes enfrontamentos cos cadros da Revolución Ciudadana; finalmente, unha demoscopia favorable e un “estado de ánimo” que facía presaxiar unha vitoria do correísmo, como mesmo admitían pola baixo varios cargos do goberno de Noboa.



Houbo fraude electoral, como aseguran, aínda en estado de shock, destacados dirixentes do correísmo? Semella que non.



Non obstante, o resultado foi ben distinto e moitos se apresuraron a facer sisudas análises (sen datos ou enquisas postelectorais) para explicar o inexplicable, a pesar de que os que agora din “yo ya lo sabía” días antes contiñan a respiración. Cabe indicar que o voto en Ecuador é obrigatorio, polo que o fenómeno de participación que noutras latitudes se da aquí ten menos sentido, e operan outros factores. Houbo fraude electoral, como aseguran, aínda en estado de shock, destacados dirixentes do correísmo? Semella que non, por moito que nos poida pesar (¿é posible que isto fixera menos triste a derrota do progresismo?).


Primeiro falaron de fraude nas actas, logo dun traspaso de tinta dun candidato a outro na papeleta que invalidaría milleiros delas e logo un cambio masivo no sentido de voto antes de metelo na urna. Explicacións pouco convincentes que non convenceron nin á Unión Europea, nin a Lula de Silva nin a Gabriel Boric, que si que deberían ter criticado (non o atopo, en verdade), o estado para-policial e todas as artimañas legais que o fillo do empresario bananeiro fixo para que estas eleccións non se desenvolveran nun estado de “normalidade democrática”. En todo caso a acusación de fraude tiña a súa lóxica xa que matematicamente era (case) imposible de explicar: ¿subida de pouco máis de medio punto co apoio do movemento indíxena, cunha participación que medrou unhas décimas e co apoio máis ou menos explícito do sector conservador de Topic, que en primeira volta do 2023 sacou case que un 15% dos votos? Ou fraude… ou unha nova evidencia da debilidade do sistema de partidos no Ecuador e do seu cleavage máis forte.



A cuestión, quizais, non hai que atopala en factores racionais, senón en factores emocionais e na figura referencial que atravesou a política de Ecuador no último século: Rafael Correa.



A cuestión, quizais, non hai que atopala en factores racionais, senón en factores emocionais e na figura referencial que atravesou a política de Ecuador no último século: Rafael Correa. Un estadista que revolucionou para ben o país, que modernizou Ecuador, que xerou (e distribuíu) a riqueza, que blindou dereitos e que adaptou un socialismo do século XXI máis democrático que noutras latitudes. Pero que, ademais dos erros propios do populismo, tamén que tivo grandes inimigos, entre eles o dunha oligarquía empresarial, financeira e mediática que se encargou de destruír o seu legado e a súa figura. Unha figura que funciona como escisión, como fractura social. Ou estás con el ou contra el. Son dous grupos moi marcados que foxen da lóxica esquerda-dereita ou soberanismo-globalización. É unha polarización con tintas emocionais entre partidarios e detractores. E aquí a clave (e perdoade as referencias mitolóxicas e metafóricas): todo candidato que teña o apoio de Rafael Correa perderá unha e outra vez estando a piques de chegar á cimeira, como o coñecido mito de Sísifo e súa tarefa inútil. A solución é ben dolorosa e inxusta, pero non é outra que matar ao pai (Correa) e que emerxa unha alternativa de esquerdas, progresista e plurinacional sen a súa sombra. E así, quizais, poida algún día volver á patria da que foi inxustamente expulsado.



O artigo Eleccións en Ecuador: o mito de Sísifo e a necesidade de matar ao pai publicouse primeiro en Tempos Novos.