En pruebas. Estamos cocinando nuestro algoritmo

De San Sadurniño para o mundo: X Chanfaina Lab 

O Chanfaina Lab, celebrado entre o 5 e o 7 de setembro, acadou a súa décima edición xuntando novamente ducias de creadoras e creadores unidos pola paixón polo cine e a vontade de narrar e compartir unha historia, unha mirada ou un enfoque persoal agromado en San Sandurniño. Porque este evento, en parte aprendizaxe, en parte xuntanza e sobre todo laboratorio -como ben di o nome-, non pode entenderse sen a terra en que se celebra, este San Sadurniño que durante unha fin de semana se converte en plató cinematográfico ou pano de fondo para todos os soños que collan diante dunha cámara. 


Xa comezando polo propio cartel do evento, que sempre aposta por atopar a inspiración no patrimonio artístico ou natural do concello. Desta volta, e nunha edición dedicada ao intelectual Alfonso Piñón Teixido, “cineísta”, o cartel amósao no monumental Pico de Ferreira. Asina a obra o veterano ilustrador Leandro Lamas. 


O Chanfaina Lab guiouse un ano máis por unha idea sinxela pero chea de posibilidades: as persoas participantes gravan, durante a fin de semana, un filme curto, de duración entre os tres e os cinco minutos. O tema e o tratamento visual quedan completamente ao gusto do realizador. Algúns dos tópicos frecuentes nas distintas elaboracións son a paisaxe rural e a xente que o habita, así como a memoria histórica e o paso do tempo, alén da emigración.   



A Chanfaina, un totum revolutum de creatividade 


O nome do evento fai referencia a unha receita propia dos antigos señoríos. As persoas que traballaban os campos entregaban as partes nobres do seu gando aos señores, quedando coas peores partes do animal coas que se elaboraba a chanfaina, un produto moi tradicional en parroquias de San Sadurniño como Bardaos e Igrexafeita. 


Esa idea de mestura, de aglomeración do diverso, mesmo cun punto iconoclasta de reivindicación do que un día se desprezou, subxace por tras de todo o Chanfaina Lab.  


Dentro desa diversidade existe unha aposta clara por impulsar a creatividade local. Máis do 60% dos cineastas que se dan cita aquí son naturais do municipio, póñense detrás da cámara se cadra por primeira vez, e coñecen ben un lugar que o seu obxectivo pode apreixar con máis forza ca ninguén. Este encontro pola pluralidade, pola arte e a creación xa suma máis de 215 pezas nas dez edicións de vida.  


Carlos Amil


Carlos Amil: “O Chanfaina Lab crea unha simbiose abraiante” 


Carlos Amil (A Coruña, 1959) ten traballado como guionista, montador e director de documentais para o TVG, caso de “O monacato en Galicia” e “Lendas”, alén de longametraxes como “Blanca Madison” ou “A casa da luz”. A súa carreira arrincou a finais dos anos 70 no equipo de cine Imaxe, e é un dos fundadores da produtora Trama, canteira do audiovisual galego. Durante moito tempo exerceu como mestre de montaxe e realización na Escola de Imaxe e Son da Coruña.  


Con que traballo acudiches a este Chanfaina Lab? 


No primeiro encontro pasamos un fragmento das obras dos participantes convidados. Eu proxectei un fragmento duns cinco minutos da miña longametraxe “A casa da luz”. Despois, en febreiro, haberá un pase das curtas que todos fixemos neses tres días de convocatoria e encontro en San Sadurniño. Cada un de nós roda unha pequena curta, de tres a seis minutos, algún se cadra chegue a dez. O meu traballo estará entre os catro e cinco cando estea montado. 


Que nos podes contar desa curta que realizas a raíz do Chanfaina Lab? 


Titúlase, polo menos provisionalmente, “Mamá, cóntame a túa historia”. Reproducimos unha mañá entre unha avoa, a filla e a neta. Estas dúas intentan estimular a memoria da primeira, que se atopa nun proceso de perda cognitiva. Inténtano a través das fotografías, pero será ao final de todo grazas a unha canción que ela comece a recuperar algo de memoria, uníndose ao cantar. Coas fotos ela non recordaba nada, aínda que narraban a súa propia historia. A fraxilidade da memoria. 


Como valoras a celebración dunha iniciativa como o Chanfaina Lab? 


É a primeira vez que me convidan e a experiencia foi magnífica. Chámame a atención sobre todo que, a diferenza de case todos os encontros e festivais cinematográficos, que sempre albergan un certo grao de competitividade, neste non existe. O que hai é, ademais, unha abraiante participación de xente da propia poboación, prestándose a labores de produción, de interpretación… Como levan xa tantas edicións, hai persoas que nunca tiveran unha relación co medio fílmico, nin sequera co teatro, e que descobren a actuación ou mesmo a escritura e dirección das súas propias obras. É absolutamente sorprendente. Eles mesmos din que de súpeto descubriron que participar destes elementos creativos os enchía como persoas. De súpeto fan vídeos, curtas, empregando os seus móbiles… É unha simbiose abraiante. 


Iago Lourido


Iago Lourido: “É enriquecedor ter acceso a profesionais do cine que veñen ao rural para compartir a súa experiencia” 


Malia a súa xuventude, Iago Lourido (Ferrol, 2004) é un verdadeiro veterano do Chanfaina Lab, onde leva acudindo dende que cursaba estudos secundarios. Estudante do Ciclo Superior de Fotografía na EASD Mestre Mateo en Santiago de Compostela, ten realizado exposicións en Dzine ou na USC. Varias das súas curtas do Chanfaina foron seleccionadas en festivais como S8 ou Cans.  


Non é a túa primeira vez no Chanfaina Lab… 


Levo participando dende os 14 anos e teño 21. Durante a pandemia parouse un par de anos o encontro, pero aínda así xa levo unhas seis participacións. 


Terás daquela un bo feixe de curtas realizadas. 


Como director igual non, senón colaborando con outra xente, pero miñas levo feitas unhas catro. 


Estás a traballar na próxima neste Chanfaina Lab? 


Os que somos de San Sadurniño temos a posibilidade de filmar fóra dos días que dura o evento. Eu filmarei o meu proxecto este outubro. 


E que tes en mente? 


O ano pasado fixen unha curta moi pensada, moi organizada, e este ano quería apostar por algo máis sinxelo pero sen perder calidade. A miña profesión é o fotoxornalismo e quería facer algo máis relacionado con ela, así que optarei polo documental. Farei algo de carácter antropolóxico coa xente do municipio. Entrevistarei a persoas que adoitan participar nas curtas e pedireilles que escollan un obxecto que os represente e me conten a súa propia historia, a través dese obxecto, para coñecelos un pouco máis. É un xeito diferente de achegarnos á xente da localidade. 


Tes pensado meterte máis de cheo no mundo audiovisual logo destas experiencias? 


Tanto o fotoxornalismo como o cine me interesan. Pouco a pouco vou dando pasos para unha profesionalización. En cine gustaríame abarcar un proxecto máis grande. É unha ambición que me gustaría cumprir. 


Como valoras a celebración do Chanfaina? 


Sendo de San Sadurniño é un orgullo, obviamente. E como persoa interesada por este mundo creo que é enriquecedor ter acceso a profesionais do cine que veñen ao rural para compartir a súa experiencia, conversar con eles e coñecer a súa visión… Achegan moito apoio aos rapaces que dende o rural teñen interese neste mundo e atopan unha zona de confort para desenvolverse. 


Milagros Bará


Milagros Bará: “O Chanfaina Lab é algo único en Galicia” 


Milagros Bará (Pontevedra, 1962) é escritora, columnista, guionista, produtora e directora de cine. Dirixiu ou produciu filmes como as curtametraxes “E dicímolo ou non decimos?” (1985), “Só para nenos” (1985), “María Soliña” (1987), “O resplandor da morte” (1991). Tamén dirixiu o filme televisivo “Autopsia” e ten participado como cámara, guionista ou realizadora en varias longametraxes documentais.  


Que podes contar do proxecto que preparas a raíz do Chanfaina Lab? 


Será unha sorpresa. De momento, o que podo dicir é que recompilei material na igrexa para unha peza breve de tema histórico vinculada a San Sadurniño. 


E que material levaches para a proxección de presentación? 


Proxectei uns fragmentos da película que dirixín e escribín, “Autopsia”, que se rodou entre a Coruña e Santiago. Foi a segunda película que se filmou en España en alta definición, dado que eu veño da xeración dos anos 80 do audiovisual. A maiores, proxectei o meu primeiro booktrailer, que dirixín no ano 2015. Unha peza que tivo moito impacto no momento tanto para o autor do libro como para as persoas que viron a promoción.  


E como valoras unha experiencia como a do Chanfaina Lab? 


É algo único en Galicia. Coñezo a Manolo González dende hai moitos anos, dende os anos 80. Cando empezou a facerse o Chanfaina Lab Manolo falábame del, pero non me fixen unha idea de como é realmente ata agora que o coñecín. Gustoume moitísimo. Ao longo da miña vida estiven en moitos encontros. Por exemplo, os que vivín en Madrid, que eran algo completamente distinto. O que distingue o Chanfaina Lab é a proximidade que se crea dentro dun grupo interdisciplinar e interxeracional de persoas que se xuntan, que pasan moito tempo xuntos porque ata se aloxan no mesmo lugar. Desenvólvese un ambiente moi cómodo e familiar. Durante os días que durou o encontro fixemos un pouco de todo, tanto traballar como descubrir a zona de San Sadurniño, que é, por certo, unha marabilla e está chea de historia. Tamén intercambiamos impresións entre nós. É unha experiencia moi enriquecedora. Resultoume unha grata sorpresa. Esa mistura de actividades é moi atractiva. 


O artigo De San Sadurniño para o mundo: X Chanfaina Lab  publicouse primeiro en Tempos Novos.