A Asociación Veciñal Porta de Lugo, a Asociación (e isto dicímolo en singular) representativa do Barrio do Sagrado Corazón quere manifestar publicamente ante os nosos veciños e ante a cidadanía de Lugo a súa postura respecto á utilización e dotacións para os terreos do que era o vello Colexio do noso barrio, propiedade de ABANCA e sobre os que o Concello de Lugo entendemos ten un acordo de cesión.
Hai uns meses celebramos no noso Barrio unha multitudinaria Asemblea a de Veciños do Barrio do Sagrado Corazón, representados e convocados pola nosa Asociación Porta de Lugo. Na devandita asemblea acordouse por unanimidade realizar as seguintes demandas:
1) Necesitamos a creación urxente dun Centro de Saúde. Consideramos aceptable a parcela de Serra de Meira, xa que ten os metros cadrados suficientes, posibilidades de aparcamento e bos accesos.
2) Respecto aos terreos do vello Colexio a Asemblea a de Veciños acordou as seguintes peticións:
a) Solicitar a creación dunha Gardería Infantil, competencia esta da Xunta de Galicia. Barrios da nosa contorna como Paradai xa teñen esta dotación, nós non. Xa existiu esta Gardería cando Caixa Galicia era a dona destes terreos. Esta Gardería podía dar servizo aos nenos de Sagrado Corazón e As Gándaras.
b) Propúxose tamén a creación dun Centro Social e un Centro de Día, para reunións dos veciños, actividades de socialización, realización de actividades culturais, xogar a partida de cartas os veciños, realizar talleres de manualidades, etc… Na actualidade o noso Centro Social máis próximo está en Fontiñas. Esta dotación é competencia da Xunta de Galicia.
c) A Asemblea de Veciños tamén reclamou nos terreos do vello Colexio do Sagrado Corazón a creación de instalacións deportivas (pistas cubertas, pistas deportivas etc…) para que a nosa mocidade tivese un lugar para facer deporte, algo que hoxe non temos.
Todas estas propostas que facemos para os vellos terreos do Colexio do Sagrado Corazón son competencia da Xunta de Galicia, que nos ten completamente esquecidos e marxinados. Pagamos os nosos impostos, pero non recibimos da Xunta de Galicia nada. Emprazamos á Señora Candia para que defenda o noso barrio e non os intereses do P.P.
Lugo, 8 de outubro de 2024
Asinado.
Asociación Veciñal Porta de Lugo.
La entrada Comunicado Asociación Veciñal Porta de Lugo sobre a ubicación do centro de saúde Sagrado Corazón ante posturas negativas da Xunta de Galicia aparece primero en Xornal de Lugo.