En pruebas. Estamos cocinando nuestro algoritmo

Cae a central de carbón das Pontes mais fica o seu impacto climático

A voadura das torres de refrixeración da central térmica de carbón das Pontes é un fito no proceso de desmantelamento da que foi unha das maiores fábricas de contaminación e de cambio climático de Europa. Un momento oportuno para salientarmos os enormes beneficios para a mitigación da crise climática e a transición enerxética que supuxo o fin do carbón na produción eléctrica galega, posibilitado polo desenvolvemento eólico.


A actividade das centrais de carbón galegas (As Pontes e a máis pequena de Meirama), iniciada a finais da década de 1970, empregando primeiro carbón galego, despois unha mestura de galego e importado, e finalmente só importado (sobre todo de Indonesia), comezou a declinar coa irrupción da enerxía eólica a principios deste século. Porén, houbo que agardar até 2019 para vermos o declive final que levaría ao apagado da central de Meirama en 2020 e da das Pontes en 2023.


Deixar atrás o carbón foi o único avance realmente importante na transición cara a un sistema enerxético galego 100% renovábel acontecido nos últimos anos. O seu impacto foi tremendo.


Entre 2018, ano previo ao comezo do fin definitivo do carbón, e 2024, ano máis recente con datos oficiais, as emisións territoriais galegas de gases causantes de cambio climático reducíronse nada menos que nun 43%. Son case 12 millóns e medio de toneladas menos!. Unha baixada imputábel ao abandono do carbón e, en moitísima menor medida, tamén á crise da metalurxia. Nunca volveremos ser capaces de recortar tanto en tan pouco tempo.



Substituír centrais térmicas fósiles por parques eólicos ou solares é unha potente medida de eficiencia enerxética en si mesma, como tamén o é a electrificación.



Nun contexto de crecemento moi lento da potencia renovábel, foi o peche das térmicas de carbón a causa maior do salto duns 25 puntos no peso das renovábeis na produción eléctrica anual galega rexistrado desde 2018, até o 80-85% actual.


Substituír centrais térmicas fósiles por parques eólicos ou solares é unha potente medida de eficiencia enerxética en si mesma, como tamén o é a electrificación. Aforra enerxía e reduce emisións ao mesmo tempo. Porque queimar é, antes que nada, contaminar e malgastar enerxía.


Ao prescindirmos dunhas centrais que apenas eran capaces de transformar en electricidade un terzo do carbón que queimaban, a eficiencia global na conversión de enerxía primaria (recursos enerxéticos) en enerxía dispoñíbel para o consumo final medrou en Galicia 10 puntos entre 2018 e 2024. O que contribuíu moito a que o uso total de enerxía primaria no noso territorio caese un 20% desde 2018.


A cheminea como lembranza do legado climático da central de carbón?


O que se vén de derrubar agora son as torres de refrixeración, que tanto afianzaron a imaxe contaminante da central das Pontes co seu “fume”, que era na realidade vapor de auga. Os contaminantes atmosféricos, tanto os tóxicos (gases acidificantes, mercurio,…) como o dióxido de carbono (CO2) causante de cambio climático, saíron en inxentes cantidades pola enorme cheminea de 356 m de altura. A altura das chimeneas industriais danos idea do volume de polución que deben afastar e dispersar. Por comparar, a da frustrada celulosa de Altri tería 75 m.



Infelizmente, o contributo da central de carbón das Pontes á emerxencia climática non rematou cando se apagou. Dada a longa permanencia do CO2 na atmosfera, o seu impacto climático negativo durará décadas e mesmo séculos.



A diferenza das torres de refrixeración, a cheminea talvez acabe en pé, salvada como testemuña do pasado industrial. Nese caso debería usarse tamén para lembrar a pesada carga de crise climática que nos deixou a central de carbón das Pontes. Contribuíu tanto á crise climática global nos seus case 50 anos de vida como algúns países pequenos. Podemos estimar as súas emisións acumuladas de CO2 nuns 330 millóns de toneladas. Equivale a 20 anos de emisións de toda Galicia ao ritmo actual!.


Infelizmente, o contributo da central de carbón das Pontes á emerxencia climática non rematou cando se apagou. Dada a longa permanencia do CO2 na atmosfera, o seu impacto climático negativo durará décadas e mesmo séculos. Deixounos unha herdanza de crise climática que se continuará a manifestar, por exemplo, en forma de vagas de calor máis intensas ou lumes forestais máis devastadores.


Tampouco se deixou de producir electricidade fósil nas Pontes ao se desactivar a central de carbón. Ao seu carón érguese unha central de ciclo combinado a gas natural, operativa desde 2007, tamén propiedade de ENDESA. Aínda que moito menos contaminante que a de carbón, hoxe é o segundo maior foco de CO2 do noso país, despois da refinaría de petróleo. Con máis produción e almacenamento de electricidade limpa debería poder pecharse antes de 2030, o mesmo que a de Arteixo (Naturgy).


O artigo Cae a central de carbón das Pontes mais fica o seu impacto climático publicouse primeiro en Tempos Novos.