En pruebas. Estamos cocinando nuestro algoritmo

Acacio Saco protagonista da celebración en Monforte do patrón do Colexio de Xestores Administrativos de Galicia

A celebración contou coa presenza do alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, e do xefe provincial de Tráfico en Lugo, Alberto Rodríguez Fernández, alén da presidente do Colexio de Xestores Administrativos de Galicia, Pilar Otero Moar, membros da Xunta de Gobierno, delegados territoriais e colexiados das catro provincias galegas.





A delegada do Colexio en Lugo, Pilar Núñez Torrón, foi a encargada de dar a benvida aos asistentes e destacou a especial vinculación dos xestores administrativos coa Administración de Tráfico e co servizo que prestan a cidadáns, autónomos e empresas. A xornada tivo como un dos seus momentos centrais o recoñecemento aos colexiados que cumpren 25 e 50 anos de traxectoria profesional, como mostra de agradecemento á súa dedicación e contribución ao desenvolvemento da profesión en Galicia.





A presidenta do Colexio, Pilar Otero, subliñou durante a entrega que 25 anos representan “un cuarto de século de traballo, de aprendizaxe, de cambios e de compromiso cos clientes e coa nosa profesión”, mentres que alcanzar os 50 anos supón “practicamente unha vida profesional”.






Homenaxe ao legado de Acacio Saco, colexiado en Monforte






O discurso de clausura da presidenta do Colexio estivo marcado así mesmo polo concepto de legado, nun escenario como o Parador de Monforte de Lemos, antigo palacio dos señores de Lemos e un dos grandes enclaves históricos de Galicia. Pilar Otero quixo aproveitar a celebración para lembrar a figura de Acacio Saco, profesional histórico de Monforte de Lemos e fundador da Xestoría Saco, un dos despachos máis veteranos da localidade. “Cambiou a Administración, cambiaron as normas, cambiaron os procedementos e cambiou radicalmente a tecnoloxía coa que traballamos. Pero hai algo que permanece: o legado e a confianza”, sinalou Otero no seu discurso final.





A presidenta reivindicou así o papel dos xestores administrativos como profesionais que acompañan a cidadáns, autónomos e empresas ante unha Administración cada vez máis complexa e dixitalizada. “A confianza dun cidadán que entra nun despacho porque necesita que alguén lle axude; a confianza dun autónomo que necesita orientación; a confianza dunha empresa que necesita un profesional que coñeza os procedementos e saiba como acompañala”, afirmou.






O artigo Acacio Saco protagonista da celebración en Monforte do patrón do Colexio de Xestores Administrativos de Galicia publicouse primeiro en Xornal de Lemos.