En pruebas. Estamos cocinando nuestro algoritmo

A Policía recupera 60.000 euros estafados a unha empresa da Coruña mediante suplantación de identidade

A Policía Nacional conseguiu recuperar 60.000 euros que foron estafados a unha empresa coruñesa. O autor dos feitos –identificado tras a denuncia imposta pola compañía– empregou tecnoloxía e enxeñaría social para subtraer esta cantidade monetaria e axentes non descartan que haxa máis vítimas. A investigación, levada a cabo polo Grupo de Investigación Tecnolóxica da Brigada Provincial de Policía Xudicial da Coruña, iniciouse a partir dunha denuncia presentada polo representante da empresa vítima.


Segundo informa a Policía, o autor dos feitos empregou as credenciais dun dos empregados para que, cando a empresa realizaba unha transferencia bancaria a outra entidade, cambiar o número de conta destinataria. A “rápida” denuncia das vítimas permitiu aos axentes bloquear a conta infractora e identificar ao seu titular. Posteriormente, procederon con éxito á devolución dos 60.000 euros á conta de orixe.


NON SE DESCARTAN MÁIS VÍTIMAS


A Policía Nacional avisa que, visto o volume de transferencias recibidas pola conta investigada, non se descarta que haxa máis vítimas. Ademais, este tipo de estafas, coñecidas como Business E-mail Compromise (BEC), propiciaron “numerosas denuncias nas últimas semanas”.


A fraude BEC segue, segundo as forzas do estado, “un patrón definido”: investigan á posible vítima, suplantan unha identidade e proceden a enviar unha mensaxe fraudulenta simulando ser unha figura de autoridade ou socio comercial. Estes, baixo diversas escusas, solicitan información sensible ou unha transferencia bancaria urxente, segundo o informe policial. Establecer un protocolo de dobre verificación, investir na formación dos seus equipos ou verificar a identidade do remitente son algunhas das actividades que a Policía aconsella para evitar estafas.


O artigo A Policía recupera 60.000 euros estafados a unha empresa da Coruña mediante suplantación de identidade publicouse primeiro en Xornal da Coruña - Noticias da Coruña e área Metropolitana.