A acción das administracións públicas ten un impacto profundo na vida da cidadanía, motivo polo que a comunicación dunha resultan fundamental para a outra. Existen discrepancias sobre a mellor forma de acadar esa eficacia garantista: entre a rigorosidade dunha linguaxe minuciosa e reiterativa alicerzada sobre a tradición administrativa e a escrupulosa referencia ás fontes de dereito -isto é, unha linguaxe que responda ás necesidades da administración de cumprir e facer cumprir a lei-, e un modelo simplificado que resulte doadamente intelixíbel para calquera persoa independentemente da súa formación xurídica e administrativa -ou o que é o mesmo, unha linguaxe que poña o foco nas necesidades cognitivas do cidadán-. Para argumentar sobre ambos modelos contamos con persoas provenientes do xornalismo, a análise política e a propia administración.
As “divinas palabras” nas que se refuxia o poder
José Luís Martín Palacín, analista político
“Qui sine peccato est vestrum, primus in illa lapidem mittat”. O xenial Ramón María del Valle-Inclán, na súa desenfadada e maxistral Divinas Palabras pon en boca do sancristán Pedro Gailo esta cita en latín do Evanxeo para defenderse do escarnio popular sobre a súa adúltera esposa Mari-Gaila, nun intento de salvar os mobles da fracasada familia. Unha tentativa de exorcismo para afastar o malicioso xuízo dos veciños sobre a súa manifesta ruína. Toda unha metáfora de algo que practica o poder desde hai moitos séculos, e que alcanza a nosa vida cotiá: valerse do arcano para sacralizar o dominio fronte ao común dos cidadáns, para convertelos en súbditos e administrados.
Ata o Concilio Vaticano II -pasada xa a metade do século XX- a Igrexa Católica utilizaba o latín para reafirmar o seu dominio sacro nesa media hora semanal obrigatoria da misa: para os seus fregueses daba o mesmo o que alí se dicía; bastaba con reafirmar nas súas conciencias, e en acto público, que quen mandaba era quen dirixía a liturxia, e quen posuía e escenificaba as “divinas palabras”.
Desde que o mundo está habitado por persoas que forman dalgún modo comunidade, foise reproducindo un similar fenómeno, que o que mostra é como, desde os bruxos aos sacerdotes, chegando aos “condutores de pobos”, sacralízase o misterio e xestiónase para lograr a reverencia e a submisión do común. Un fenómeno que se foi transformando e adaptando aos tempos. De modo que mesmo nas chamadas sociedades política, económica, e socialmente avanzadas, reinvéntanse fórmulas para que o uso da palabra lance unha sombra de misterio na que se pretende manter esa parella de éxito que forman poder e submisión.
Necesitamos, pois, unha auténtica revolución da Transparencia.
Iso fixo que durante tantos séculos prosperasen os réximes confesionais e a doutrina da orixe divina do poder. E que, en moitos aspectos da vida civil, unha parte desa liturxia fose herdada por actores leguleios, que fan que ata as máis cotiás querelas teñan que vir resoltas nunha xerga ou terminoloxía que deba ser interpretada por uns “profesionais do misterio”, que viven diso, e aos que o protagonista, convertido en suxeito pasivo, ten que recorrer.
Creo que a todos nos ocorreu algunha vez que para interpretar unha sentenza xudicial tivemos que lela máis dunha vez, para acabar necesitando que alguén experto nesa enigmática linguaxe nola interprete con exactitude.
Poderiamos dicir o mesmo do texto das nosas leis, en moitas das cales a linguaxe -que naceu para comunicarnos e entendernos- parece que se utiliza para preservar o misterio. Dun modo moi especial nos seus preámbulos, que teoricamente teñen por obxecto explicar o motivo e a finalidade da existencia da propia lei. Ata o punto de que, se pedísemos unha exposición intelixible ás deputadas e deputados que as aprobaron, estou seguro de que una boa parte non serían capaces de darnos unha explicación clara e sinxela. Co agravante ademais do axioma contraditorio co que se resolve a brecha entre os textos que rexen a nosa vida e quen debemos desenvolvernos consonte eles: “o descoñecemento da lei non exime do seu cumprimento”.
Todo iso tradúcese en que todos os aparellos das Administracións, que deben tramitar a diario a relación entre esas normas non debidamente intelixibles e a actividade cotiá dos cidadáns, tamén manteñen, nunha gran parte dos casos, unha xerga críptica, tanto nas súas comunicacións (salpicadas moitas veces de citas normativas non explicitadas) como nos propios formularios que poñen á nosa disposición. De forma que se xera un abismo entre Administracións e Sociedade: unha desfasada herdanza dos poderes sacros na época na que presumimos de, e esiximos (mesmo legalmente), transparencia. Un poder que pretende sosterse no distanciamento, e que termina degradándonos de cidadáns a administrados. Algo que deteriora a vida democrática e termina derivando en múltiples aspectos e relacións contractuais na nosa vida: de aí a famosa “letra pequena” dos contratos, que o feito de introducila revela xa unha certa malicia ou intención de ocultar. De forma que (aínda que fagamos chistes sobre iso) ata os nosos pagos recorrentes por servizos -a factura da luz, da auga, do gas…- resúltannos inintelixibles.
En realidade, todo isto fainos vivir nunha sociedade labiríntica e opaca, na que caemos na tremenda contradición de que necesitemos intérpretes para entender a linguaxe dos nosos representantes, de quen exerce a xustiza en nome do pobo, e de quen está obrigados a xestionar os servizos a favor da cidadanía.
Necesitamos, pois, unha auténtica revolución da Transparencia. Ser transparente non consiste soamente en dar contas e publicar todo -especialmente porque moito do que se publica non é comprendido polo común-. Consiste en facelo intelixible para todos; en que os cidadáns non teñamos que pagar un avogado ou un xestor para entender ou para realizar as xestións cotiás que necesitamos ou ás que estamos obrigados. Cando terían que ser as Administracións mesmas quen, en primeiro lugar, terían que ser capaces de traducir á linguaxe natural e cotiá o que nos teñen que comunicar; e, en segundo lugar, as que terían que orientar adecuadamente aos cidadáns para que, en lugar de reos fosen beneficiarios da normativa.
Unha revolución da transparencia, e da convicción universal de administradores e cidadáns de que quen administra, nos niveis que sexa, han de exercer como Servidores Públicos, e non como axentes autoritarios e ríxidos que ás veces cae como unha especie de maldición sobre as nosas cabezas. Menos sacralización da administración pública, e máis conciencia de servizo público. En inglés a propia definición de funcionario público xa define moi ben o seu papel: “civil servant”.
Desasnarse: orde e progreso
Ricardo Garrido, funcionario da Administración Local
12 de maio. O pai dunha amiga abre unha carta certificada que lle recolleran pola mañá. Parece que a Administración tributaria de turno se lembrou del logo de, anos atrás, ter pagado non sei que imposto. Mariano, nome ficticio, comeza a calcular integrais e a rebuscar no dicionario para dar entendido a carta certificada que lle acaba de chegar. Cre entender que, en definitiva, lle debe á facenda algo máis do que pagara no seu momento e que pode ou pagar ou recorrer.
Esta situación ficticia pero por momentos tan real, de seguro que lle ten lembrado unha vivencia propia ou allea a quen decida ler este artigo. E digo máis, é normal que así sexa, do mesmo xeito que Mariano non remata de entender completamente moitos dos informes médicos que lle chegan ás mans logo dunha consulta, ou non coñece con exactitude moitos dos compoñentes que figuran no manual de instrucións do coche que ten aparcado diante da casa. Pero é normal, Mariano non ten que desesperar. O responsable desta falta de comprensión non é estritamente el, mais quen non lle deu as ferramentas apropiadas para entender algo que, ó longo da súa vida ou en momentos relativamente importantes da mesma, lle resultará case que imprescindible.
No ámbito administrativo, a linguaxe tamén é necesariamente técnica, pois debe reflectir con exactitude toda unha serie de preceptos legais e regulamentarios que impidan a existencia de indeterminacións que rematen por prexudicar a calquera das partes do procedemento.
Mariano forma parte dunha xeración na que quen máis quen menos puido ir á escola, saben ler e escribir sen ningún tipo de problema e unha porcentaxe ben importante puido cursar estudos superiores ou conseguiu que os seus fillos e as súas fillas o fixesen. E isto é un logro social ben importante, pois denota un certo progreso e un avance na capacidade colectiva de tecnificar a sociedade e de democratizar ese proceso.
No ámbito administrativo, a linguaxe tamén é necesariamente técnica, pois debe reflectir con exactitude toda unha serie de preceptos legais e regulamentarios que impidan a existencia de indeterminacións que rematen por prexudicar a calquera das partes do procedemento. Porén, isto non debe ser contrario ós principios que rexen o funcionamento das Administracións Públicas. Sen ánimo exhaustivo: servir con obxectividade o interese xeral baixo o principio de eficacia e con sometemento pleno á Lei e ó dereito; a igualade de tódolos cidadáns sen que poida prevalecer discriminación algunha por calquera razón, condición ou circunstancia persoal ou social. Así se establece pola carta magna e así calquera persoa ou colectivo que se defina progresista debe amosarse como profundo defensor. Ademais, a norma que establece as liñas xerais do funcionamento ordinario das Administracións Públicas, obrígaas a actuar e relacionarse baixo os principios de simplicidade, claridade e proximidade ós cidadáns, entre outros.
Recentemente, en maio do 2023, o Tribunal Supremo amosouse favorable á redacción sinxela das sentenzas para favorecer a comprensión das mesmas por parte de persoas con discapacidades intelectuais. Nestes casos a sentenza de lectura fácil non deixa de ser unha adaptación da sentencia ordinaria. A adaptación da linguaxe xudicial a un rexistro comprensible por persoas con dificultades cognitivas ou intelectuais visualízase como un reto e, ó mesmo tempo, como unha obrigación do sistema de xustiza. Pero, este sobre esforzo pode e debe ser extensible ó conxunto dos cidadáns? Non sería iso un aumento dos custes e dos tempos de tramitación que redundaría en máis queixas por parte da cidadanía?
As comunicacións administrativas deben contar con termos exactos, obxectivos, así como con datos concretos e expresións propias dunha técnica que garanta unha serie de dereitos e que lle permite ó cidadán seguir gozando dunhas liberdades baseadas na permanencia dun ordenamento xurídico determinado. Boicotear isto en aras dunha suposta simplificación da linguaxe administrativa non é máis que unha demostración da falta de mentalidade progresista. Mariano, Uxía e calquera cidadán que se prece progresista e defensor dos logros conseguidos co desenvolvemento do Estado do Benestar, debería seguir a esixir que o limiar mínimo de coñecemento do conxunto da poboación seguise a aumentar. Do mesmo xeito que aconteceu coa xeración de mariano, a de Uxía debería continuar nese camiño. E si, os empregados públicos deberían mellorar a súa prosa, pero iso xa sería outro debate: o da seleccións e formación e avaliación dos empregados públicos.
Cando a administración fala, pero ninguén entende
Duarte Romero Varela, xornalista
“Habiendo recibido su solicitud de cambio de domicilio, me sirvo en informarle de que éste ha sido realizado, lo que le comunico para su constancia.”
Non é un fragmento dun manual de dereito administrativo do século XIX, senón un correo electrónico enviado por un servizo público nesta mesma década. Pode parecer até cómico que alguén utilice unha linguaxe tan excesivamente enrevesada para comunicar algo tan básico como un cambio de domicilio, pero no fondo esconde un problema bastante serio: as administracións públicas non falan claro.
Instalouse no sector público a idea de que a linguaxe administrativa debe ser complexa por defecto, con frases longas e difíciles de entender. Esa inercia fai esquecer o propósito real da comunicación, que quen le poida comprender o que se lle di.
Cando a administración non se fai entender, deixa de ser pública para ser exclusiva.
Vivimos nunha sociedade moi diversa. Hai quen estudou máis e quen menos, persoas maiores e novas, quen ten como lingua materna o galego, o castelán ou outros idiomas, e quen vive con algunha discapacidade que lle dificulta procesar certos textos. Cando a administración non se fai entender, deixa de ser pública para ser exclusiva.
Se unha persoa maior ten que pedirlle á súa filla que lle explique unha carta do concello, a administración está fallando. Se un inmigrante que domina a lingua con normalidade treme cando ten que facer un trámite, tamén está fallando. E cando alguén non pode pedir unha axuda ou unha subvención porque non entende o formulario, o resultado é o mesmo: exclusión.
As institucións públicas teñen a obriga de dirixirse ao conxunto da sociedade, independentemente da súa condición, e os cidadáns temos o dereito a entender a administración. Por iso cómpre unha estratexia de simplificación da linguaxe. Non é unha lei natural que sempre haxa que optar por frases con moitas subordinadas. Non é obrigatorio escoller sempre as palabras menos habituais. En vez de emolumento, pódese usar remuneración; no canto de allear, podemos dicir vender ou transmitir. Tampouco é un castigo divino que tantos textos comecen cunha enumeración de leis. De ser preciso referenciar o marco lexislativo, pódese poñer ao final!
Outros países levan décadas traballando en facer que toda a súa comunicación sexa comprensíbel para o maior número posíbel de cidadáns. Utilizan unha linguaxe sinxela, deseñan aplicacións e sitios web que sexan accesíbeis para persoas con discapacidade, son capaces de organizar as ideas e os contidos de xeito que xerarquicen que información é máis importante para o cidadán. E ninguén pode dicir que gobernos como o británico ou o australiano, que fan da claridade un principio básico, sexan menos precisos ou provoquen inseguridade xurídica pola sinxeleza dos seus textos.
En definitiva, falar claro non é rebaixar o nivel, é elevar o respecto e é garantir dereitos. A linguaxe administrativa debe servir para achegar a administración ás persoas, non para afastalas. Se queremos unha sociedade máis xusta e participativa, tamén necesitamos institucións que falen a lingua da cidadanía, unha lingua clara, directa e comprensíbel para todos.
O artigo A linguaxe administrativa, a exame publicouse primeiro en Tempos Novos.
