Durante a presentación, a presidenta da entidade destacou que, nun contexto marcado polo despoboamento, o avellentamento e o abandono do medio rural, “resulta imprescindible impulsar un modelo de desenvolvemento que favoreza a permanencia da poboación no territorio e preserve as condicións necesarias para garantir un futuro digno ás comunidades rurais”. Neste sentido, manifestou que este modelo “non pasa por instalar aeroxeradores de última xeración a escasos 300 ou 600 metros de vivendas e explotacións gandeiras, como se pretende nalgúns casos”.
A entidade aspira a converterse nunha voz común na defensa do territorio e na promoción dun modelo de transición enerxética compatible co futuro do rural galego. Así mesmo, fixo un chamamento a todas as persoas que compartan esta visión para que se incorporen ao proxecto e colaboren ou participen na construción dun rural máis próspero e sostible.
No acto participaron veciños de Esmeriz, que compartiron a súa experiencia tras máis de dúas décadas convivindo con parques eólicos instalados na súa contorna, explicando os efectos que, ao seu xuízo, tiveron estas infraestruturas sobre o territorio e a vida diaria. Tamén representantes da veciñanza do Saviñao, que expuxeron a súa loita para evitar a instalación de aeroxeradores nas proximidades de vivendas e explotacións gandeiras. Durante a súa intervención advertiron de que “as compensacións económicas ofrecidas non se corresponden co importe finalmente percibido, ao ter que facer fronte ás obrigas fiscais e, nalgúns casos, darse de alta como persoas traballadoras autónomas para poder acceder a estes ingresos”.
A xornada contou igualmente coa participación de veciños e veciñas de Pesqueiras, que informaron sobre a situación actual dos proxectos das plantas de almacenamento con baterías de litio Belesar I e Belesar II. Entre as preocupacións expresadas figuran o risco de incendios de elevada complexidade na súa extinción, o ruído continuo derivado dos sistemas de refrixeración das baterías, previstas a escasos 120 metros dalgunhas vivendas, o posible impacto das emisións electromagnéticas, a perda de terreos destinados á actividade agrícola e gandeira, así como a incerteza sobre a orixe da auga necesaria para o funcionamento das instalacións e a posible afección aos pozos dos que se abastecen tanto as persoas como os animais. Segundo manifestaron os asistentes, todos estes factores están a xerar unha crecente preocupación e incerteza entre a veciñanza respecto á viabilidade do futuro das comunidades rurais afectadas por este tipo de proxectos.
O artigo A comunidade rural da comarca de Chantada reivindícase ante os parques eólicos e outras afectacións ao territorio publicouse primeiro en Xornal de Lemos.
